Friday 03 de May de 2024

Lete Lasa anima aos pilotos galegos Marcelli e Casales a plantarlle cara aos campións Bou e Raga na primeira proba do Mundial de Trial en Arteixo


_O secretario xeral para o Deporte destacou a aposta da Xunta polo motociclismo, lembrando que a federación galega vén de ver incrementado o seu convenio nun 7%, a incorporación do motociclismo ao Xogade ou que outros dous pilotos como Jorge Prado e Rubén Fernández -tamén patrocinados pola Xunta- ocupan o primeiro e o sexto posto respectivamente do mundial de motocrós

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na tardiña de hoxe da cerimonia de apertura e presentación de pilotos da primeira proba do Mundial de TrialGP que se celebrará en Arteixo esta fin de semana. Ademais tamén se levarán a cabo as probas das categorías de Trial GP Women, Trial 2 e Trial 3.

O mandatario galego destacou a Gabriel Marcelli, do Rosal, e a Jorge Casales, de Vigo, -ambos patrocinados pola Xunta- como dous dos candidatos a levarse esta primeira proba que se disputa en Galicia e tamén a pelexar polo mundial que contará con outras sete probas en Portugal, Xapón, San Marino, Italia, Andorra e dous eventos en Francia. Ademais, Lete Lasa amosou o seu desexo de que o mundial poida contar pronto cunha piloto galega.

Neste sentido, Lete Lasa fixo fincapé na enorme calidade dos máis de cen pilotos de todo o mundo presentes en Arteixo, así como na dificultade dunha proba na que tamén estarán presentes o hexacampeón mundial Adam Raga ou o vixente campión Toni Bou, que leva 32 mundiais de trial -tanto ao aire libre como indoor- gañados de xeito consecutivo.

O secretario xeral para o Deporte destacou a aposta da Xunta de Galicia polo motor e especialmente polo motociclismo, lembrando que a Federación Galega de Motociclismo vén de ver incrementado o seu convenio de colaboración nun 7%, que o motocilismo vén de incorporarse ao Programa Xogade para os rapaces de entre 6 e 16 anos ou que outros dous pilotos como Jorge Prado e Rubén Fernández -tamén patrocinados pola Xunta- ocupan o primeiro e o sexto posto respectivamente do mundial de motocrós.